A LAMPREA

ARBO, É A CAPITAL MUNCIAL DA LAMPREA!!

Falar de Arbo é falar de lamprea e viño. Tal é a súa relevancia, que nesta localidade, o peixe e as uvas non só deixan pegada no padal, senón tamén forman parte do escudo e a bandeira do municipio.
A lamprea en Arbo é toda unha tradición. Preparámola desde hai séculos e a que se captura a esta altura do Miño ten unha textura, unha cor e un sabor diferentes. De potente sabor, a lamprea é un manxar que non deixa indiferente a ninguén. A mellor tempada para degustala é de xaneiro a abril e o prato típico é “á arbense”, cociñada no seu propio sangue. E o mellor sitio para probala do mundo son os restaurantes de Arbo. Os seus cociñeiros e cociñeiras son creadores da receita que pasou de xeración en xeración ao longo da historia. Se non poden vir nestes primeiros meses do ano, non se preocupen, porque en Arbo poden probar a lamprea todo o ano. A partir da lamprea seca ofrecemos outras elaboracións. Por exemplo, rechea, guisada con fideos e tirabeques, frita, asada á brasa, en empanada…
Aseguran os historiadores que xa en tempos da Roma Imperial, amos de vastos imperios, facíanse levar lampreas vivas desde a zona de Arbo á asollada Italia, para posteriormente, conservalas ata o momento de ser preparadas e servidas á mesa.
Non existe constancia doutro pobo no mundo que teña unha tradición tan antiga e arraigada ao redor deste peixe ciclóstomo prehistórico e misterioso. Delicia gastronómica para moitos padais, que en Arbo elevamos a unha cota de goce sublime grazas ás nosas receitas ancestrais.
En Arbo soubemos sacarlle partido tamén o resto do ano a través da denominación seca, un exquisito afumado que admite o recheo de ovo e xamón, que tamén pode tomarse con fideos e tirabeques, asada a brasa ou en empanada.
Son moitas as formas de preparar a lamprea e cada restaurante, garda con esmero os seus pequenos secretos. O certo é que, unha vez que se proba, compréndese a razón pola que moitas persoas percorren ano tras ano, moitos quilómetros para degustar este manxar, que a día de hoxe constitúe obxecto de culto para expertos culinarios.
Desde fai sesenta e dous anos o concello de Arbo homenaxea este prezado manxar coa celebración da Festa da Lamprea, a cal ten cita cada ano o ultimo domingo de abril, así como, desde fai uns vinte anos, celébrase a Festa da Lamprea Seca durante a primeira quincena de agosto, co fin de dar a coñecer outras formas diferentes de gozar deste manxar ao longo de todo o ano, desestacionalizando, así, o seu consumo.

LAMPREA ESTILO ARBO

LAMPREA SECA SEN COCIÑAR

LAMPREA SECA RECHEA

LAMPREA SECA ASADA

LAMPREA SECA CON TIRABEQUE

LAMPREA SECA CON TIRABEQUE E FIDEO

LAMPREA SECA REBOZADA

LAMPREA SECA EN EMPANADA

LAMPREA SECA RECHEA

LAMPREA SECA ASADA

A PESCA DA LAMPREA: PESQUEIRAS, PATRIMONIO ÚNICO


A fama da que goza Arbo a nivel internacional, en materia de lamprea, non só é por a calidade do produto, senón a forma artesanal de pescala utilizando a rede e as denominadas pesqueiras.
A lamprea en Arbo pescase cando se achega o fin do seu ciclo vital e remonta o río para desovar. É por esta razón que a veda se abre o 15 de febreiro e esténdese ata mediados de maio. As Lampreas en Arbo son prezadas porque chegan potentes, despois de quilómetros de duro exercicio no que superan mesmo os seus escasos dotes nadadores facendo paróns nas rocas, grazas á ventosa que teñen por boca, para descansar. Ao chegar á zona alta do río, se aparean, desovan e déixanse caer ao río para morrer.
Ás lampreas adóitanse pescar pola noite, xa que se di que é cando se di que a lamprea «anda», xa que durante o día «planta» e non camiña, polo que os pescadores colocan as redes a noite e a primeira horas do día van a recoller a pesca.
A tradición da pesca da lamprea conta xa con séculos de antigüidade. Podémolo apreciar nas ‘pesqueiras’ que os romanos nos deixaron na beira do río. Estas construcións, de indubidable interese arquitectónico e etnográfico, as seguimos utilizando para a captura da lamprea, empregando unha técnica ancestral, artesanal, sostible e respetuosa co medio ambiente, tal e como facían os nosos devanceiros. A gran diferenza é que para os antigos romanos este manxar estaba restrinxido a emperadores; e agora, esta delicia do Miño, podémola desfrutar todos.
Estas construcións líticas son a realidade física da paisaxe fluvial do baixo Miño. As “Pesqueiras” son un prototipo de asentamento entre a súa forma e a súa función; unha síntese perfecta entre Arquitectura e Enxeñería.
As “Pesqueiras” están realizadas a base de sillares de granito nos que se colocan ganchos de ferro que suxeitan varios sillares ao mesmo tempo. Estes grandes sillares non son froito da casualidade, senón que soportan forza da auga durante as crecidas do río, así como o choque dos diferentes materiais.
Estas construcións penetrábanse no río nos lugares máis aptos para a pesca da lamprea. Aproveitaban saíntes rochosos e lugares con boa corrente para a osixenación da auga e por conseguinte boas para a lamprea. Poden chegar ata os vinte metros de longo e ata os seis metros de altura para evitar a grandes crecidas da época de pesca da lamprea. Hainas de dous tipos, unhas cun só corpo e outras formadas por varios cun corredor entre cada unha. Cada un destes corpos reciben o nome de poios e están orientados para dominar as augas e canalizalas por estes ocos entre os poios e así obrigar á lamprea ao paso por eles. En cada corpo sitúase o chamado lapadoiro e marco (un abaixo e outro arriba), que é onde se suxeitaban as cordas do viturón (vitirón, biturón ou masoura).