O Pleno da Corporación Municipal en sesión extraordinaria eBpresencial celebrada o día 29 de xullo de 2022, por unanimidade, con sete (7) votos a favor dos membros da Corporación asistentes, seis (6) votos do Sr. Alcalde e dos/as cinco (5) concelleiros/as do grupo municipal do PP, e un (1) voto do concelleiro do grupo municipal de AGRELAR, D. Luís Enrique Rodríguez Martínez, adoptou, entre outros, o seguinte ACORDO:
“4. APROBACIÓN, SE PROCEDE, DA PROPOSTA DE ALCALDÍA DE DATA
15.07.2022 SOBRE “DECLARACIÓN DE ARBENSE DISTINGUIDO DO “ARBO CLUBE DE FÚTBOL” POLA LABOR DESENVOLVIDA NO ÁMBITO DO DEPORTE”.
Polo Sr. Alcalde procédese a dar lectura á proposta de Alcaldía asinada
dixitalmente en data 15.07.2022, do seguinte teor literal:
Un grupo de veciños entusiastas convertía o equipo do Arbo nun “Club” oficial nos últimos anos da ditadura franquista no ano 1972, estaban levando a cabo un feito de relevancia social longamente agardado. Por fin, cumpríase o soño daquela vella tradición futbolística arabense, que unha e outra vez repetía a frase de “Hai que federarse!”.
Convocados a unha xuntanza un grupo de veciños, na súa maioría pequenos industriais, comerciantes e funcionarios, xorde a primeira Xunta Directiva do Arbo C.F. integrada por vinte e tres persoas (Juan Cañas de los Rios -presidente-, Albino Fernández -vicepresidente-, José Antonio Iglesias -secretario-, Manuel González -tesoureiro-, e dezanove vocais), que de seguido dá os primeiros pasos co fin de poder facer a estrea na temporada 72-73 do campionato de Segunda Comarcal.
Configúrase daquela un cadro de vinte xogadores: Chico, Manolo, Lito, Alfonso, Anxelín, Fontiñas, Miguel, Tistas, Borín, Peseta, Cancelas, Genaro, Jose, Emilio, Ino, Dalmiro, Julio, Laureano,… e unha extensa lista que se vai engadindo en etapas seguintes. As ordes do primeiro adestrador, Sr. Vidal, os novos ídolos da afección arabense van perdendo a súa inocencia ligueira no memorable “Bouza de Miguel” ou “Pedramol”, aínda con algúns croios e ao descuberto nesta temporada inicial, pero sí con vestiarios e auga corrente.
Para a historia do Arbo Club de Fútbol: o vello Bouza de Miguel foise transformando no coqueto “Campo Municipal dos Deportes”, con valos, iluminación e gradas; a sección dos Xuvenís fai a súa presentación oficial na temporada 76-77, converténdose axiña no lugar de saída das novas promocións de canteirán: os Andrés, Vicente, Ferreira, Miguel, Xiráldez, Cordobés, Pichón, Emilio, Nolo, Mingos, Prieto, Berto, Certal, Fonsi, Tomás, Juani, Luís, Japi,… entre outros moitos. No 1983 institucionalízase o “Trofeo Vila de Arbo”, ao que veñen acudindo conxuntos galegos de categorías superiores, e é igualmente subliñable a creación da sección de cadetes de forma oficial en 1997.
o Arbo CF transitou pola 2ª e 3ª Rexional e 1ª, 2ª e 3ª Autonómica, rexistrando ascensos á 1ª Autonómica nas temporadas 2005-2006, 2008-2009 e 2010-2011. Na temporada 2016-2017.
Ao longo destes 50 anos ( 1972-2022) baixo a dirección de dezasete presidentes/as: Juan Cañas, Ricardo Gómez, Germán Pérez, Luís González, Ángel López, Tomás Puga, José Méndez, Gumersindo Ferro, Emilio González, Benito Martínez, Guillermo García, Jesús Expósito, Horacio Gil, Marta Gregorio, María Dolores Pérez, Mercedes Martínez e Iria Taboada e o labor arduo de moitos directivos/as hai que salientar fundamentalmente o mérito de manter, consolidar e engrandecer esta institución ata os días de hoxe sen parénteses, unha andaina na que se rexistraron momentos felices, pero tamén ocasións nas que non faltaron fortes quebradizos de cabeza. Á hora de afrontar o esforzo económico que leva esta actividade, ademais do compromiso dos socios/as, cómpre recoñecer o patrocinio por parte de entidades privadas entre elas as adegas Vizhoja, As Laxas e Desguaces Gil y Gil, pero sobre todo o amparo do concello e as súas alcaldías: Jorge Freijanes ( 1970-1978), Hermenegildo Rivero ( 1979-1991), Manuel Rivera ( 1992-2011), Xavier Simón ( 2011-2014) e Horacio Gil (2014-2022).
Un dos feitos significativos para os arabenses no ano 1997 foi a celebración das vodas de prata da súa institución deportiva: os 25 anos do Arbo Club de Fútbol transcorridos desde a súa fundación en 1972. Tal efeméride serviu daquela para mirar cara a atrás e cara a adiante na súa traxectoria e para render homenaxe merecida, a través da lembranza e do recoñecemento, a todos aqueles xogadores, directivos/as, socios/as e adestradores, que aportaron tempo, esforzo e ilusión en ir construíndo ao longo destes anos unha parcela máis da historia do noso pobo, unha herdanza afectiva e familiar de avós a netos e, paralelamente, contribuíndo a crear un anaquiño da historia social do deporte e do fútbol modesto e comarcal galego.
En 2022 teñen lugar as vodas de ouro logo dun período moi significativo , cheo de acontecementos socio-políticos, económicos e deportivos, situado entre o remate do século XX e os inicios do XXI.
O Arbo Club de Fútbol é agora un símbolo máis da Vila da lamprea e corazón dos viños do Condado e Albariño: a cor branca e azul, caras familiares, un campo, un escudo e “a defensa do noso”. Pegada ao peito dos xogadores corre e salta a insignia co debuxiño da vella ponte de Mourentán sobre o camiño Real Ribadavia-Tui, vía antiga de entradas e saídas entre as montañas da Paradanta e as ribeiras do Miño galaico-portugués, un sinal de comunicación con outros pobos, porque o nome deste recuncho nunca se paseou tanto pola xeografía galega coma nestes 50 anos de traxectoria do equipo. Estea onde estea, o “Arbo” será sempre cita fiel nas páxinas deportivas de cada semana, porque en esencia ” El fútbol es la recuperación semanal de la infancia”, en palabras do escritor Javier Marías.
Por todo o exposto, en uso das facultades que me outorga a Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e o Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, PROPOÑO AO PLENARIO A ADOPCIÓN DO SEGUINTE ACORDO:
PRIMEIRO: Proceder a felicitación e o recoñecemento polo Pleno Municipal da importante labor desenvolvida no ámbito do deporte ao ARBO C.F procedendo a atribuírlles a distinción de “Arbense Distinguido”
SEGUNDO: Proceder en virtude de dito recoñecemento á entrega en acto público dun obsequio representativo deste Concello, en agradecemento á importante labor que ao ARBO C.F ven desenvolvendo no ámbito social e deportivo desta vila dende o ano 1972.
(Esta proposta contou coa colaboración de José Méndez Castro, expresidente do
Arbo C.F, presidente das Peñas Celtistas e coautor con Manuel Xiráldez do libro A
historia do fútbol en Arbo, publicado en 1997.)
Os comentarios están pechados.